Tradutor

mércores, 12 de novembro de 2014

A LENDA DA TORRE DE HÉRCULES

Este mes tócalle a quenda á nosa cidade, e a unha lenda sobre o monumento máis emblemático que posuímos... 

Torre de Hércules. A Coruña

Breogán, fillo de Brath, foi o podente xefe dunha daquelas tribos dos ártabros que moraron nas terras de Galicia, na parte central da costa norte, cando os celtas asentaron, miles de anos antes da invasión dos romanos no noso país.
Nunha pequena insua que hoxe está unida pola parte moderna da Coruña, construída sobre area, existía a vella cidade gobernada por Breogán. As barcas de vimio recubertas de coiro abrigábanse no pequeno porto de San Amaro.
Preto de alí, nunha das beiras que fai un pequeno outeiro, Breogán fixo construír unha grande e ergueita torre máis achegada á mar aberta. Aquela torre podería servir de guieiro aos navegantes; podería tamén, acendendo no seu cume unha lumeirada, transmitir a longas distancias durante a noite certos sinais, como por exemplo a arribada daquelas grandes naos dos marchantes fenicios que viñan comerciar cos galegos, unha orde de xuntanza, un perigo que arboleaba ou cousa polo xeito.
Unha tarde, Ith, o fillo de Breogán, subiu ao cume da torre e albiscou ao lonxe do mar; aló, nos confíns, pareceulle ver entre as brétemas da distancia outra terra descoñecida. O desexo de saber o que habería naquel lugar, até daquela ignorado, empurrouno á aventura.
Pediu consentimento ao seu pai para organizar unha expedición.
Podía dar, era posible, que da outra banda do mar houbera pedras das que se fundían para fabricaren armas e ferramentas; o precioso metal amarelo co que labraban prezadas xoias; quizais riquísimas froitas ou sementes semellantes á ceveira, orxo ou aínda mellores para a mantenza; madeiras, liño para teceren as súas roupas outros animais, outras xentes...
A expedición realizouse. Antes da partida, Breogán recomendoulle ao seu fillo que fixera a viaxe montado no seu cabalo, sen baixarse del até que chegara; unicamente así podería ter a certeza de poder voltar con facilidade.
É desta maneira foi como os celtas de Galiza levaron a Irlanda a súa civilizacíon. Por isto é que as mesmas citanias ou castros de casas circulares se atopan en Irlanda e Galicia; e mais os preciosos torques de ouro; e parellos nomes de ríos e lugares... e, ara a mesma gaita con semellantes temas musicais.

CARRÉ ALVARELLOS, Leandro. As Lendas tradizonaes galegas, Museu de Etonografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal


luns, 13 de outubro de 2014

Benvid@s a este novo curso!!
Este ano desde o EDLG queremos dar a coñecer lendas da nosa terra e as súas personaxes mitolóxicas... Desexamos que o desfrutedes!


Para comezar daremos paso ás MOURAS:
             Segundo antigos relatos populares, son as almas de doncelas que foron deixadas a gardar os tesouros que os mouros esconderan antes de partir para a súa terra.
            As lendas describen as mouras encantadas como doncelas novas de grande beleza ou encantadoras princesas e "perigosamente sedutoras". Aparecen frecuentemente cantando e peiteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, cun peite de ouro, e prometen tesouros a quen as libere do encanto.  Aparecen xunto de fontes, pontes, ríos, pozos, castros, antigas construcións, vellos castelos ou tesouros escondidos.
A MOURA DO CASTRO DE BAÍNTE
  Estaba unha Moura asoellando ouro no castro cando acertou a pasar por alí un home de Baínte, que quedou a ollar para tanta riqueza e dixo:
     - Ai se me dese un pouco!
Ao que a Moura respondeu:
     - Quérelo aos puñados ou quérelo aos ferrados?
E o home de Baínte exclamou moi pronto:
     - Quéroo aos ferrados!
     - Pois logo vai axiña buscar a medida.
  Correu o home cara á casa mais, cando voltou coa medida, o ouro e a Moura xa desapareceran.
  E o de Baínte laiábase: Se dixese aos puñados, poida ser que arestora algún ouro fora meu.

luns, 12 de maio de 2014

XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO

               Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares de Parga-Guitiriz no ano 1914. De orixe labrega, ingresou no Seminario de Mondoñedo aos dezasete anos, mais abandonou a formación eclesiástica en 1936 para se dedicar ao ensino privado en Vilagarcía de Arousa. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na especialidade de linguas modernas e en 1948, unha vez licenciado, marchou a Madrid, onde residiu a maior parte da súa vida, para traballar como tradutor en diferentes institucións oficiais e editoras (coñecía case todas as linguas europeas).
               En 1961, quince anos despois de lle ser premiada a composición Nascida dun sono nun certame en Betanzos, viu a luz o seu único libro, Nimbos, que o convertiu nunha das voces poéticas máis destacadas das letras galegas do século XX; porén, os seus primeiros poemas xa apareceran na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos, editada por Galaxia en 1955. A singularidade do seu posicionamento estético e ideolóxico e a forza expresiva dos seus versos concédenlle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.
              O universo lírico de Díaz Castro xira á volta do ser humano, o amor, a vida, a morte e o tempo. Tamén encontran espazo na súa escrita a relixiosidade (enfocada desde o ascetismo e desde a necesidade de aprofundar na esencia das cousas) e a preocupación por Galiza; por veces, recorre á paisaxe dunha maneira simbólica para introducir a súa visión sobre a realidade do país.
               Díaz Castro revelouse como un grande mestre da técnica versificadora e dos recursos estilísticos. Un dos principais trazos característicos da súa obra, fortemente influída pola lectura dos clásicos antigos e modernos, é a cuidada selección do léxico (a pesar de tender para o emprego de ruralismos e dialectalismos) e o evidente interese pola lingua, que se manifesta nunha poesía elegante e sinxela.
               Tras unha vida entregada á investigación, ao ensino e á tradución, o poeta lugués faleceu en Lugo en 1989.

OBRA
              No 1961 Galaxia publica o seu único libro:Nimbos. O termo Nimbos explícao todo: “é o nimbo dos santos, a auréola que rodea a cabeza dos santos, unha auréola de gloria. É coma unha auréola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis… Algún crítico dixo que era un home con moito respecto ás cousas, un respecto ás criaturas de Deus non acariñadas. Esas son as que busca o poeta para elevalas a unha categoría, e por iso envólveas nun nimbo de luz, para darlles gloria”...

              Dentro desta obra destaca un poema, "Penélope", que é o poema máis editado e traducido de Díaz Castro no que denuncia a pasividade que hai no país, o que axudou a remover moitas conciencias contra todo tipo de aldraxe, nun tempo no que a poesía máis cá teoría sociopolítica chegaba con máis facilidade e menos atrancos represores aos cidadáns sensibilizados, e mesmo acadaba a crear unha reación contra todo tipo de opresión, así a poesía de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Novoneyra...

"Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.



Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.



Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.



Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"


Alumnado de 3º da ESO lendo a exposición sobre o autor homenaxeado






luns, 28 de abril de 2014

OS MAIOS

                       Hai varias teorías para explicar a orixe da festa dos maios, o que si parece claro é que nun principio os maios naceron como un ritual para invocar dos deuses a protección dos produtos sementados na terra. Trátase dun rito agrario, encamiñado a propiciar boas colleitas, un rito para favorecer a fecundidade da terra por medio da arte (maios), a música e a poesía (coplas). Por iso a festa celébrase na primavera, un tempo no que a terra comeza a desperezarse e a espertar do seu longo sono invernal, un tempo no que a vida comeza a xermolar por todas partes. Celébrase a despedida do inverno, o florecer das plantas e a chegada dos primeiros froitos.
                      A dos maios é unha festa pagá, anterior á chegada do cristianismo. Pero como moitas outras foi cristianizada, e por iso moitos dos maios levan no cume unha cruz, e por iso mesmo en moitos sitios a festa dos maios celébrase o día da Santa Cruz (3 de maio).

                       Hoxe en día os maios constan de dúas partes:

 -Por un lado, están os maios propiamente ditos, que son «momumentos» feitos cunha estrutura de madeira, que se reviste con musgo, flores, carrabouxos… procurando empregar sempre elementos naturais. Poden ser de dous tipos: os que teñen forma cónica ou piramidal, que son os enxebres ou tradiccionais; e os maios artísticos, que teñen forma libre (pontes, igrexas, carros de vacas, cruceiros, muíños, minicentrais…

- E, por outro lado, están as coplas, que son versos normalmente de seis sílabas, en estrofas de catro versos cada unha, con rima asonante nos versos pares. As coplas poden ter contido literario referente á primavera, pero o máis normal é que teñan un contido satírico referido a acontecementos recentes. Esta crítica céntrase na maioría das veces en asuntos locais, moi cercanos á xente do pobo no que os maios se celebran. É moi habitual aproveitar as coplas para criticar aos políticos locais lembrándose das súas promesas incumpridas e pedíndolle determinadas obras ou melloras que o pobo bota en falta, como pode ser un polideportivo, o arranxo dunha rúa, o adecentamento dun parque, ou calquera outra cousa. Segundo reza a tradición as coplas cántanse o día dos maios e o mellor que pode pasar é que o público aplauda a rabear e ría con ganas.

A continuación deixamos un fragmento do poema do escritor do Rexurdimento Manuel Curros Enríquez, no que fai referencia a estas festas:

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

luns, 24 de marzo de 2014

REVISTA 2ºD ESO

Desde o EDLG queremos agradecer a todo o alunado desta aula a súa participación e louvar o seu interese e traballo.
Desfrutade do resultado!

venres, 28 de febreiro de 2014

ORIXE DO ENTROIDO

     O Entroido é unha festa que ten unha orixe moi antiga que nos leva até as festas gregas e romanas.
     Os gregos celebraban o final da sega en honor do deus Dionisos, fillo dun Deus e unha mortal e símbolo de fecundidade, da vendima e da vexetación.
     Por outro lado, os romanos celebraban a chegada da primavera con diferentes festas, as bacanais (festas en honor a Baco), saturnais (festa na que os amos convertíanse en escravos e os escravos en amos) e as lupercais (consistentes na saída dos sacerdotes cunha vara coa que tocaban ás mulleres para que fosen fértiles. Tamén relacionado coa inmediata chegada da primavera).
     Posteriormente, as datas mudaron e o entroido que nós desfrutamos veu marcado pola Coresma, anterior á Semana Santa. As datas desta celebración relixiosa non son fixas porque comeza coa 1ª lúa chea despois do equinocio de primavera, polo que desde o domingo de ramos cóntanse corenta días atrás e coincidirá co mércores de cinza.
     Así, Entroido significaría “introito”, a entrada a este período de abstinencia (Coresma), co que implicaría unha despedida da “carne”, e que abranguería os tres días anteriores ao mércores de cinza, porta da vixilia, de onde toma o nome de carnaval, 'quitar a carne'. Sería, pois, un tempo de licenza, transgresión e liberdade plena, no que se permitirían facer cousas prohibidas o resto do ano, criticando e ridiculizando feitos da vida cotiá.

O ENTROIDO EN GALIZA

     Na nosa terra dependendo do lugar esta festa ten diferente duración. Os tres entroidos máis tradicionais e coñecidos son os de Xinzo, Verín e Laza.

XINZO DE LIMIA
     O de Xinzo de Limia é o Entroido máis arraigado da comarca e goza de gran popularidade en toda Galicia.
     A personaxe central da festa é a Pantalla, que exerce como símbolo dos poderes que rexían a vida de Xinzo: o relixioso, o xudicial e o social. As Pantallas son unha variante única e singular no porte de virilidade e fermosura de belas máscaras medievais europeas, que recollen elementos de ritos paganos de fertilidade.
Estas máscaras aludían ao mundo dos mortos nas procesións e, xenericamente, asociábase a elas o primitivismo e salvaxismo do home sen cristianizar.
     As notas sonoras proceden das campás e axóuxeres que levan prendidos do seu cinto, así como dunha vexiga de porco hinzada que levan nas súas mans, cos que deixan constancia durante o tempo do Entroido quen manda na vila.
     O Tempo de Entroido abarca os catro domingos consecutivos previos ao Martes de Entroido, e o último domingo coñecido como Domingo de Piñata. Os momentos chave da festa son:
Domingo Fareleiro, no que a fariña é utilizada para blanquear á xente cunha función simbólica de purificación.
Domingo Oleiro as olas de barro serán as protagonistas nun xogo popular; se alguén as rompe será obxecto de burlas en público e terá que pagar unha botella de viño.
Domingo Corredoiro ten lugar a Carreira do Meco, na que a xente nova persegue ao carro que leva o boneco (símbolo do rei) para ser pendurado máis tarde na Praza Maior.
Domingo, luns e martes de Entroido: días nos que a vila se transforma nun espectáculo de humor, enxeño e beleza.
     O toque dramático do Enterro da Sardiña achégano os curas, viúvas, sacristáns e choronas, que parodian un enterro clásico, no que a nota é a dor pola despedida do entroido.
     O último rito do Entroido é o Domingo de Piñata, no que a xente se resiste a aceptar que acabou o tempo de festa, de burla e de máscara. Volven as Pantallas ás rúas, aínda queda tempo para que os máis atrevidos saian unha vez máis.


PANTALLA

LAZA
     O punto álxido da festa encóntrase a noite do venres anterior ao mércores de Cinza cos fachós, consistente en queimar fachóns de palla e percorrer as rúas da vila acompañados polo ruído dos chocos, de bombos... Os veciños que están nas súas casas, entre tanto, agardan o paso do Gran Folión para lles tirar cinza desde os balcóns.
     Na mañá do domingo encontramos aos peliqueiros con traxes característicos, cencerros na cintura, unha máscara que lles cubre a cara e na súa man un látigo, estes son os personaxes principais do entroido de Laza.
     O domingo xunto co martes realízase unha cabalgata de carrozas decoradas de formas distintas.
A farrapada realízase na mañá do luns, unha pintoresca batalla, na que se utilizan trapos manchados de lama como se de armas se tratase. Ese mesmo día no solpor chega a Morena, un veciño da vila vestido cunha cabeza “postiza” de touro en madeira e unha manta, que simula atacar ás mulleres mentres os seus compañeiros botan terra con formigas ao público.
     A fin da festa chega ao final do día do martes onde se le o testamento, crítica do acontecido desde o entroido do ano anterior.



FOLIÓN



VERÍN
     A festa comeza o chamado xoves de compadres. Pola tarde saen os cigarróns co desfile do “carro do meco”, con charangas e banda de gaitas. Pola noite ceas de homes.
     “Domingo de Corredoiro”, co son dos cohetes, as charangas e a primeira concentración de cigarróns (homes enmascarados que corren animando á xente a participar) pola mañá. Esta é a figura máis característica deste entroido. A súa máscara consta dunha carauta de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as sonrosadas meixelas, amplo bigode, cínico sorriso amosando a dentadura e barba falsa. Ese mesmo día pola tarde-noite, xa se celebra na Praza maior o primeiro baile de máscaras e a primeira “fariñada”.
     Non obstante, o inicio oficial do entroido prodúcese o “xoves de comadres”, no que as mulleres deixan aos homes na casa e saen cear disfrazadas; e cando chega a medianoite, unha multitude lánzase ás rúas para recibir á comitiva do entroido e escoitar o pregón que dá paso á diversión xeral.
     Venres de compadreo e comadreo. Ese día pola tarde prodúcese a saída dos escuadróns de Capuchóns outro personaxe típico deste entroido, cuxo disfraz consiste nunha sotana negra ou de tea estampada, que cubre a cabeza cunha máscara ou antefaz.
     O sábado de entroido chega o Bautizo do cigarrón, un acto solemne no que tres novos cigarróns serán vestidos, con todas as honras, acompañados da raíña do carnaval e de Don Carnal.
     O domingo de entroido ten lugar o Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns.
Luns fareleiro, como o seu nome indica, a festa consiste en encher de fariña a todas as persoas que estean pola rúa.
     O derradeiro día é o martes, a última oportunidade para saír e desfrutar da festa.



CORREDOIRO




venres, 14 de febreiro de 2014

          Ofrecémosvos un relato da alumna Marta Otero de 1ºB de bacharelato. Agradecémoslle moito a súa participación e desexamos que volva colaborar no noso blog.
Grazas Marta!
...
Don Paulo da Barca era un home deses co que só te atopas unha vez na vida.
Vivía nunha vila pequena, porto de mar, desas de rúas estreitas e humidade cubrindo as paredes das casas baixiñas. Desas cheas de anciás enloitadas, e vellos que berran ¡Arrastro! nas tabernas e bótanlle gotas de caña ao café. Nas que os nenos corren tralos gatos, con feridas nos xeonllos e buratos nos pantalóns, mentres os pais bican as nais antes de embarcarse por ¡ai se Deus fora quen de saber canto tempo!
O vello don Paulo era coñecido por todos como O Capitán, pois aínda que tal honra non lle fora xamais concedida, todos sabían que se existía alguén que fora quen de merecela, ese era don Paulo.
Fora mariñeiro dende que de cativo foi capaz de dar dous pasos seguidos sen caer ao chan.
Non podía fuxir da sensación descoñecida que o embargaba ao pisar terra, cando, acostumado ao abaneo das ondas baixo o barco, presentábaselle o chan demasiado firme.
O barco era unha extensión do corpo do Capitán. Mesturárase xa cos seus movementos, danzando ao compás da mar, tanto daba que esta ruxira de carraxe ou acariñara docemente o ronsel castigado da embarcación. Non se sabía se era o Capitán o que acompañaba o abaneo en cada singradura ou era o mar o que se movía co vello.
O Capitán sabía comprender o estado de ánimo do mar só con mirar a cor das augas ou poñendo atención á forza dos seus berros.
Porque os mares berran.
A pel do Capitán era escura, tostada e curtida coma o coiro. A súa longa cabeleira branca descendía coma unha cascada de prata polo seu lombo, coroada por unha boina negra como único e inherente estandarte. Era dese tipo de persoas que xa viron todo canto pode chegar a ser visto. Non supuña máis para o mundo que unha pinga de auga en continua travesía.
Os seus ollos vellos, mirando sempre ao fronte, eran dun azul tan claro que mesmo poderían pasar polos dun cego. Á xente, que moito fala, gústalle dicir que se volveran azuis de tanto mirar o mar.
Xeracións e xeracións morrían á sombra do Capitán, que parecía ser inmune á man xélida que a todos acolle. Co tempo, o Capitán fíxose parte do pobo, coma a casa máis vella, o camiño máis transitado ou a lenda máis veces narrada. Isto non estrañaba a ninguén, pois supuñan que ata a mesma morte lle tomara respecto.
Como xa dixeramos, o mar berra. Pero tamén chora.
E foi o día no que se escoitou chorar ao mar cando O Capitán apartou a vista do horizonte e marchou.
A vila perdeu a vida de súpeto naquelas semanas nas que nada se soubo do vello. A xente descartaba a teoría dun afogamento, pois non crían que o mar quixese dalgún modo rematar coa vida do seu fillo máis fiel. O que pasou despois aínda non se explica hoxe, e pode que sexa porque xa non se fala diso.
As ondas trouxeran o corpo sen vida do home dos mares. Xurdiu acompañado por unha alborada vermella, deitado nunha chalana encallada na area da praia, coas mans cruzadas sobre o peito, ningún signo de violencia no corpo e os seus ollos azuis ben abertos cravados no ceo.
Imposible determinar a causa da morte, e o único que foron quen de asegurar era que morto estaba.
O capitán non tiña familia coñecida, polo que foron os veciños os encargados de cargar cos gastos do enterro, enterro ao que non faltou alma cristiá nin pagana. Así a todo, moitos deles acudiron coa secreta intención de rematar de crer que o home dos mares xacía teso como outro home calquera, pois xa ninguén cría que a morte ía poder vencer ao Capitán.
Enterrárono na beira, para que o vello puidera sentir dende onde queira que se atopase, a frescura do salitre que lle acariñara as meixelas e lle propinara os seus maiores lategazos durante toda a súa vida, e escoitar o son da escuma cando golpeaba as rochas chea de furia.
Pasou moito tempo, e a xente xa non fala diso.
Só se sabe que, dende aquel día, ninguén volveu escoitar chorar ao mar.

Imaxe de Castelao "Vento mareiro"