Tradutor

venres, 25 de outubro de 2013

O SAMAÍN

Os celtas celebraban esa noite. A fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Esta era tan fina que os espíritos, por unhas horas, podían atravesala e volver ao noso mundo. Os humanos tamén podían ir ao outro lado e había que andarse con moito ollo non fose que se quedara alí vítima de algún feitizo ou como dicimos nós, dun "MEIGALLO".

Os espíritos dos mortos volvían para despedirse dos seus familiares… acendíanse lumeiradas para lles indicar o camiño, deixábanlles comida e doces para mantelos contentos e alonxar os maos espíritos e facíanse ofrendas a Morrigu (raíña dos demos) e a Dagda (deus da vida e da morte).

En Galiza este rito ancestral pervive sen axudas oficiais… continúase practicando aínda que a maior parte das veces sen coñecer a causa, simplemente por costume…

Os montes galegos énchense de "Magostos" e fanse receitas de cabaza.

O Magosto,unha celebración na que os elementos fundamentais son a castaña e o lume… entre o lusco-fusco acéndense as lumeiradas onde se asarán as castañas, ademais a xente leva viño, chourizos, empanada… e augardente para facer a "QUEIMADA", tampouco falta a música.


Os antigos celtas crían que na castaña habitaba a alma do defunto… por cada castaña que se comía, liberábase unha alma, a celebración tiña lugar nos montes que eran os seus lugares de culto. A festa era multitudinaria, ían todos (era obrigatoria), quen non asistía corría o risco de perder a razón…


O CONXURO DA QUEIMADA (galego)
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.
Demos, trasgos e diaños,
espritos das nevoadas veigas.
Corvos, pintigas e meigas:
feitizos das manciñeiras.
Podres cañotas furadas,
fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas,
mal de ollo, negros meigallos,
cheiro dos mortos, tronos e raios.
Oubeo do can, pregón da morte;
fuciño do sátiro e pe do coello.
Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello.
Averno de Satán e Belcebú,
lume dos cadavres ardentes,
corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernales cús,
muxido da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira,
falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.
Con este fol levantarei
as chamas deste lume
que asemella ao do Inferno,
e fuxirán as bruxas
a cabalo das súas escobas,
indose bañar na praia
das areas gordas.
¡Oide, oide! os ruxidos
que dan as que non poden
deixar de queimarse no augardente
quedando así purificadas.

E cando esta brebaxe
baixe polas nosas gorxas,
quedaremos libres dos males
da nosa alma e de todo embruxamento.
Forzas do ar, terra, mar e lume,
a vós fago esta chamada:
si é verdade que tendes máis poder
que a humana xente,
eiquí e agora, facede cós espritos
dos amigos que estan fóra,
participen con nós desta Queimada.


luns, 14 de outubro de 2013

Benvid@s a este novo proxecto!!

       Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio Marista Cristo Rei queremos darvos a benvida a este blog.
       A función desta páxina será meramente informativa. A través dela poderedes coñecer diferentes aspectos da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas tradicións. Alén disto, tamén publicaremos as diferentes actividades que se realicen desde o EDLG no centro.

       Esperamos que vos guste!!