Tradutor

venres, 28 de febreiro de 2014

ORIXE DO ENTROIDO

     O Entroido é unha festa que ten unha orixe moi antiga que nos leva até as festas gregas e romanas.
     Os gregos celebraban o final da sega en honor do deus Dionisos, fillo dun Deus e unha mortal e símbolo de fecundidade, da vendima e da vexetación.
     Por outro lado, os romanos celebraban a chegada da primavera con diferentes festas, as bacanais (festas en honor a Baco), saturnais (festa na que os amos convertíanse en escravos e os escravos en amos) e as lupercais (consistentes na saída dos sacerdotes cunha vara coa que tocaban ás mulleres para que fosen fértiles. Tamén relacionado coa inmediata chegada da primavera).
     Posteriormente, as datas mudaron e o entroido que nós desfrutamos veu marcado pola Coresma, anterior á Semana Santa. As datas desta celebración relixiosa non son fixas porque comeza coa 1ª lúa chea despois do equinocio de primavera, polo que desde o domingo de ramos cóntanse corenta días atrás e coincidirá co mércores de cinza.
     Así, Entroido significaría “introito”, a entrada a este período de abstinencia (Coresma), co que implicaría unha despedida da “carne”, e que abranguería os tres días anteriores ao mércores de cinza, porta da vixilia, de onde toma o nome de carnaval, 'quitar a carne'. Sería, pois, un tempo de licenza, transgresión e liberdade plena, no que se permitirían facer cousas prohibidas o resto do ano, criticando e ridiculizando feitos da vida cotiá.

O ENTROIDO EN GALIZA

     Na nosa terra dependendo do lugar esta festa ten diferente duración. Os tres entroidos máis tradicionais e coñecidos son os de Xinzo, Verín e Laza.

XINZO DE LIMIA
     O de Xinzo de Limia é o Entroido máis arraigado da comarca e goza de gran popularidade en toda Galicia.
     A personaxe central da festa é a Pantalla, que exerce como símbolo dos poderes que rexían a vida de Xinzo: o relixioso, o xudicial e o social. As Pantallas son unha variante única e singular no porte de virilidade e fermosura de belas máscaras medievais europeas, que recollen elementos de ritos paganos de fertilidade.
Estas máscaras aludían ao mundo dos mortos nas procesións e, xenericamente, asociábase a elas o primitivismo e salvaxismo do home sen cristianizar.
     As notas sonoras proceden das campás e axóuxeres que levan prendidos do seu cinto, así como dunha vexiga de porco hinzada que levan nas súas mans, cos que deixan constancia durante o tempo do Entroido quen manda na vila.
     O Tempo de Entroido abarca os catro domingos consecutivos previos ao Martes de Entroido, e o último domingo coñecido como Domingo de Piñata. Os momentos chave da festa son:
Domingo Fareleiro, no que a fariña é utilizada para blanquear á xente cunha función simbólica de purificación.
Domingo Oleiro as olas de barro serán as protagonistas nun xogo popular; se alguén as rompe será obxecto de burlas en público e terá que pagar unha botella de viño.
Domingo Corredoiro ten lugar a Carreira do Meco, na que a xente nova persegue ao carro que leva o boneco (símbolo do rei) para ser pendurado máis tarde na Praza Maior.
Domingo, luns e martes de Entroido: días nos que a vila se transforma nun espectáculo de humor, enxeño e beleza.
     O toque dramático do Enterro da Sardiña achégano os curas, viúvas, sacristáns e choronas, que parodian un enterro clásico, no que a nota é a dor pola despedida do entroido.
     O último rito do Entroido é o Domingo de Piñata, no que a xente se resiste a aceptar que acabou o tempo de festa, de burla e de máscara. Volven as Pantallas ás rúas, aínda queda tempo para que os máis atrevidos saian unha vez máis.


PANTALLA

LAZA
     O punto álxido da festa encóntrase a noite do venres anterior ao mércores de Cinza cos fachós, consistente en queimar fachóns de palla e percorrer as rúas da vila acompañados polo ruído dos chocos, de bombos... Os veciños que están nas súas casas, entre tanto, agardan o paso do Gran Folión para lles tirar cinza desde os balcóns.
     Na mañá do domingo encontramos aos peliqueiros con traxes característicos, cencerros na cintura, unha máscara que lles cubre a cara e na súa man un látigo, estes son os personaxes principais do entroido de Laza.
     O domingo xunto co martes realízase unha cabalgata de carrozas decoradas de formas distintas.
A farrapada realízase na mañá do luns, unha pintoresca batalla, na que se utilizan trapos manchados de lama como se de armas se tratase. Ese mesmo día no solpor chega a Morena, un veciño da vila vestido cunha cabeza “postiza” de touro en madeira e unha manta, que simula atacar ás mulleres mentres os seus compañeiros botan terra con formigas ao público.
     A fin da festa chega ao final do día do martes onde se le o testamento, crítica do acontecido desde o entroido do ano anterior.



FOLIÓN



VERÍN
     A festa comeza o chamado xoves de compadres. Pola tarde saen os cigarróns co desfile do “carro do meco”, con charangas e banda de gaitas. Pola noite ceas de homes.
     “Domingo de Corredoiro”, co son dos cohetes, as charangas e a primeira concentración de cigarróns (homes enmascarados que corren animando á xente a participar) pola mañá. Esta é a figura máis característica deste entroido. A súa máscara consta dunha carauta de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as sonrosadas meixelas, amplo bigode, cínico sorriso amosando a dentadura e barba falsa. Ese mesmo día pola tarde-noite, xa se celebra na Praza maior o primeiro baile de máscaras e a primeira “fariñada”.
     Non obstante, o inicio oficial do entroido prodúcese o “xoves de comadres”, no que as mulleres deixan aos homes na casa e saen cear disfrazadas; e cando chega a medianoite, unha multitude lánzase ás rúas para recibir á comitiva do entroido e escoitar o pregón que dá paso á diversión xeral.
     Venres de compadreo e comadreo. Ese día pola tarde prodúcese a saída dos escuadróns de Capuchóns outro personaxe típico deste entroido, cuxo disfraz consiste nunha sotana negra ou de tea estampada, que cubre a cabeza cunha máscara ou antefaz.
     O sábado de entroido chega o Bautizo do cigarrón, un acto solemne no que tres novos cigarróns serán vestidos, con todas as honras, acompañados da raíña do carnaval e de Don Carnal.
     O domingo de entroido ten lugar o Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns.
Luns fareleiro, como o seu nome indica, a festa consiste en encher de fariña a todas as persoas que estean pola rúa.
     O derradeiro día é o martes, a última oportunidade para saír e desfrutar da festa.



CORREDOIRO




venres, 14 de febreiro de 2014

          Ofrecémosvos un relato da alumna Marta Otero de 1ºB de bacharelato. Agradecémoslle moito a súa participación e desexamos que volva colaborar no noso blog.
Grazas Marta!
...
Don Paulo da Barca era un home deses co que só te atopas unha vez na vida.
Vivía nunha vila pequena, porto de mar, desas de rúas estreitas e humidade cubrindo as paredes das casas baixiñas. Desas cheas de anciás enloitadas, e vellos que berran ¡Arrastro! nas tabernas e bótanlle gotas de caña ao café. Nas que os nenos corren tralos gatos, con feridas nos xeonllos e buratos nos pantalóns, mentres os pais bican as nais antes de embarcarse por ¡ai se Deus fora quen de saber canto tempo!
O vello don Paulo era coñecido por todos como O Capitán, pois aínda que tal honra non lle fora xamais concedida, todos sabían que se existía alguén que fora quen de merecela, ese era don Paulo.
Fora mariñeiro dende que de cativo foi capaz de dar dous pasos seguidos sen caer ao chan.
Non podía fuxir da sensación descoñecida que o embargaba ao pisar terra, cando, acostumado ao abaneo das ondas baixo o barco, presentábaselle o chan demasiado firme.
O barco era unha extensión do corpo do Capitán. Mesturárase xa cos seus movementos, danzando ao compás da mar, tanto daba que esta ruxira de carraxe ou acariñara docemente o ronsel castigado da embarcación. Non se sabía se era o Capitán o que acompañaba o abaneo en cada singradura ou era o mar o que se movía co vello.
O Capitán sabía comprender o estado de ánimo do mar só con mirar a cor das augas ou poñendo atención á forza dos seus berros.
Porque os mares berran.
A pel do Capitán era escura, tostada e curtida coma o coiro. A súa longa cabeleira branca descendía coma unha cascada de prata polo seu lombo, coroada por unha boina negra como único e inherente estandarte. Era dese tipo de persoas que xa viron todo canto pode chegar a ser visto. Non supuña máis para o mundo que unha pinga de auga en continua travesía.
Os seus ollos vellos, mirando sempre ao fronte, eran dun azul tan claro que mesmo poderían pasar polos dun cego. Á xente, que moito fala, gústalle dicir que se volveran azuis de tanto mirar o mar.
Xeracións e xeracións morrían á sombra do Capitán, que parecía ser inmune á man xélida que a todos acolle. Co tempo, o Capitán fíxose parte do pobo, coma a casa máis vella, o camiño máis transitado ou a lenda máis veces narrada. Isto non estrañaba a ninguén, pois supuñan que ata a mesma morte lle tomara respecto.
Como xa dixeramos, o mar berra. Pero tamén chora.
E foi o día no que se escoitou chorar ao mar cando O Capitán apartou a vista do horizonte e marchou.
A vila perdeu a vida de súpeto naquelas semanas nas que nada se soubo do vello. A xente descartaba a teoría dun afogamento, pois non crían que o mar quixese dalgún modo rematar coa vida do seu fillo máis fiel. O que pasou despois aínda non se explica hoxe, e pode que sexa porque xa non se fala diso.
As ondas trouxeran o corpo sen vida do home dos mares. Xurdiu acompañado por unha alborada vermella, deitado nunha chalana encallada na area da praia, coas mans cruzadas sobre o peito, ningún signo de violencia no corpo e os seus ollos azuis ben abertos cravados no ceo.
Imposible determinar a causa da morte, e o único que foron quen de asegurar era que morto estaba.
O capitán non tiña familia coñecida, polo que foron os veciños os encargados de cargar cos gastos do enterro, enterro ao que non faltou alma cristiá nin pagana. Así a todo, moitos deles acudiron coa secreta intención de rematar de crer que o home dos mares xacía teso como outro home calquera, pois xa ninguén cría que a morte ía poder vencer ao Capitán.
Enterrárono na beira, para que o vello puidera sentir dende onde queira que se atopase, a frescura do salitre que lle acariñara as meixelas e lle propinara os seus maiores lategazos durante toda a súa vida, e escoitar o son da escuma cando golpeaba as rochas chea de furia.
Pasou moito tempo, e a xente xa non fala diso.
Só se sabe que, dende aquel día, ninguén volveu escoitar chorar ao mar.

Imaxe de Castelao "Vento mareiro"