Este ano desde o EDLG queremos dar a coñecer lendas da nosa terra e as súas personaxes mitolóxicas... Desexamos que o desfrutedes!
Para comezar daremos paso ás MOURAS:
Segundo antigos relatos populares, son as almas de doncelas que foron deixadas a gardar os tesouros que os mouros esconderan antes de partir para a súa terra.
As lendas describen as mouras encantadas como doncelas novas de grande beleza ou encantadoras princesas e "perigosamente sedutoras". Aparecen frecuentemente cantando e peiteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, cun peite de ouro, e prometen tesouros a quen as libere do encanto. Aparecen xunto de fontes, pontes, ríos, pozos, castros, antigas construcións, vellos castelos ou tesouros escondidos.
A MOURA DO CASTRO DE BAÍNTE
Estaba unha Moura asoellando ouro no castro cando acertou a pasar por alí un home de Baínte, que quedou a ollar para tanta riqueza e dixo:
- Ai se me dese un pouco!
Ao que a Moura respondeu:
- Quérelo aos puñados ou quérelo aos ferrados?
E o home de Baínte exclamou moi pronto:
- Quéroo aos ferrados!
- Pois logo vai axiña buscar a medida.
Correu o home cara á casa mais, cando voltou coa medida, o ouro e a Moura xa desapareceran.
E o de Baínte laiábase: Se dixese aos puñados, poida ser que arestora algún ouro fora meu.