A dos maios é unha festa pagá, anterior á chegada do cristianismo. Pero como moitas outras foi cristianizada, e por iso moitos dos maios levan no cume unha cruz, e por iso mesmo en moitos sitios a festa dos maios celébrase o día da Santa Cruz (3 de maio).
Hoxe en día os maios constan de dúas partes:
-Por un lado, están os maios propiamente ditos, que son «momumentos» feitos cunha estrutura de madeira, que se reviste con musgo, flores, carrabouxos… procurando empregar sempre elementos naturais. Poden ser de dous tipos: os que teñen forma cónica ou piramidal, que son os enxebres ou tradiccionais; e os maios artísticos, que teñen forma libre (pontes, igrexas, carros de vacas, cruceiros, muíños, minicentrais…
- E, por outro lado, están as coplas, que son versos normalmente de seis sílabas, en estrofas de catro versos cada unha, con rima asonante nos versos pares. As coplas poden ter contido literario referente á primavera, pero o máis normal é que teñan un contido satírico referido a acontecementos recentes. Esta crítica céntrase na maioría das veces en asuntos locais, moi cercanos á xente do pobo no que os maios se celebran. É moi habitual aproveitar as coplas para criticar aos políticos locais lembrándose das súas promesas incumpridas e pedíndolle determinadas obras ou melloras que o pobo bota en falta, como pode ser un polideportivo, o arranxo dunha rúa, o adecentamento dun parque, ou calquera outra cousa. Segundo reza a tradición as coplas cántanse o día dos maios e o mellor que pode pasar é que o público aplauda a rabear e ría con ganas.
A continuación deixamos un fragmento do poema do escritor do Rexurdimento Manuel Curros Enríquez, no que fai referencia a estas festas:
Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...
Ningún comentario:
Publicar un comentario